Thursday 02 de May de 2024

O Goberno local consensuará coa Corporación melloras na mobilidade entre a cidade e a súa área metropolitana


 

O Executivo mantén a súa aposta por un tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol que daría servizo a máis de 600.000 persoas

O Goberno local busca o consenso da Corporación para levar a cabo medidas encamiñadas a mellorar o estado da mobilidade na área metropolitana. Para o edil de Movilidade, Juan Díaz Villoslada, “o problema de mobilidade da comarca ou se soluciona entre todos, ou non se soluciona” e, por iso, que avoga por un traballo en conxunto de todas as administracións implicadas. O Goberno apoiou unha moción dos nacionalistas solicitando ao Estado que instale en Alfonso Molina medidas alternativas para mellorar a mobilidade e execute a conexión da AP-9 e a AC-14, Vial 18, dunha forma económica.

A Corporación, a excepción do PP e Ciudadanos, defenden un cambio no trazado da Vía Ártabra para que poida conectarse este vial non só coa AP- 9, senón tamén coa A-6 respectando o humidal da Gándara. O titular de Moblidade aposta por “impulsar un tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol e, deste xeito, mellorar a mobilidade de todos os municipios da área metropolitana, xa que “daría servizo a máis de 600.000 persoas”, apuntou.

Villoslada acusou os populares de boicotear as políticas encamiñadas a mellorar a mobilidade dos municipios da área metropolitana e de levar a cabo desde a Xunta unha “política de parches” neste campo. Para o edil, é necesario un pacto entre todas as administracións e que a Xunta deixe de “xogar coa peaxe da A-55”. Lembrou ademais a necesidade de realizar unha revisión completa das infraestruturas de acceso á cidade xa que “non é suficiente subscribir a mellora da mobilidade da área metropolitana á reforma de Alfonso Molina”.

Neste sentido, o Goberno local reafirmou o seu compromiso coa remodelación de Alfonso Molina e a súa defensa dos tres proxectos para a avenida, que están nestes momentos sobre a mesa do Ministerio de Fomento encamiñados á humanización da vía, a construción de senllas peonís e á redución do número de sinistros, así como a construción dunha pasarela peonil en Pedralonga, Os socialistas apoiaron unha moción do PP sobre a reforma da vía emendada pola Marea.

No ámbito da Mobilidade, o Pleno deu luz ver ao pedimento de Ciudadanos de que se convoque a Mesa pola Mobilidade co fin de reordenar os roteiros e horarios do transporte público da cidade. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, anunciou a intención do Goberno local de reordenar as liñas de bus de “maneira sensata e eficiente, sen poñer a cidade patas para arriba”, e aprobar unha ordenanza de mobilidade.

A mobilidade, dixo, é unha dos principais desafíos aos que se enfronta a cidade e é necesario garantir “unha mobilidade universal” á vez que puxo de manifesto a súa satisfacción polo consenso alcanzado nesta materia, que xa quedara patente na Declaración da Coruña por unha Mobilidade Sustentable.

O Pleno aprobou a iniciativa presentada polo BNG para garantir a accesibilidade ás persoas con diversidade funcional coa elaboración dun plan de accesibilidade aos espazos públicos e edificios municipais. Neste sentido, o concelleiro de Mobilidade sinalou que o Goberno xa traballa con distintos colectivos na mellora de varios eixos

da accesibilidade de persoas con diversidade funcional e sensorial co obxectivo de construír unha cidade máis solidaria e inclusiva. A educación, dixo, é imprescindible para construír unha sociedade máis inclusiva e xusta ao tempo que recoñeceu que aínda queda moito traballo e moito camiño por percorrer neste ámbito.

Na área económica, a Corporación aprobou hoxe a Conta Xeral correspondente ao ano 2018 cos votos do Partido Socialista e Marea Atlántica e a abstención de Ciudadanos e Bloque Nacionalista Galego e Partido Popular.
O voceiro do Goberno, José Manuel Lage, apuntou a elevancia que teñen os datos dos ingresos e a elevada capacidade de autofinanciamiento do Concello. Na súa exposición do informe, o portavoz destacou que o Concello “dá conta dunha obrigación que temos que aprobar” e lembrou á corporación que “non somos responsables da xestión do anterior goberno”.
Ante as críticas do PP polo atraso na presentación do informe, o voceiro socialista lembroulle a necesidade de “cambiar de chip” e non aproveitar o debate das contas para seguir coa súa “constante oposición á xestión do goberno anterior”.
Lembrou que o Concello ten un importante problema estrutural no alto volume de prestacións que non teñen contrato e asegurou que a intención do executivo socialista é a “de resolver ou, polo menos cambiar o paso no problema das prestacións sen contrato”. Para iso, confían en poder normalizar o servizo de contratación e diminuír á metade o período no procedemento completo de contratacións que “agora é de 17 meses”.

O urbanismo tamén centrou o debate municipal. A Corporación aprobou por unanimidade unha modificación no Plan xeral de ordenación municipal de 2013 para poder habilitar un camiño cara á igrexa dos Rosales e o centro de saúde. Trátase dunha vía entre as rúas de Simón Bolívar e Alfonso Rodríguez Castelao coñecida como “Camiño do Cura”, que é moi utilizada polas/os residentes. Tamén contou co visto e prace do Pleno o cambio de uso dunha parcela destinada a equipamento municipal que o Concello lle cedeu á Fundación Adcor, situada na Estrada dos Fortes.

Outro dos asuntos do ámbito urbanístico que se debateu no Pleno e que contou co seu respaldo foi a aprobación dun estudo de detalle de ordenación de volumes presentado por Carniceiros da Coruña S.A. ( CARNICOSA) para ampliar as súas instalacións no polígono da Grela.
A Corporación tamén deu luz verde, co voto contrario da Marea Atlántica, á proposta para a corrección de erros na ficha individual do catálogo Pepri do edificio situado no número 27 do Cantón Pequeno que foi aprobada en pleno no mes de setembro deste ano para cumprir cunha sentenza xudicial do Tribunal Superior de Xustiza. O Departamento de Urbanismo sinalou que as diferenzas detectadas na fichas debéronse a un erro material xa que na súa redacción utilizouse un ficheiro electrónico correspondente co documento do Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e Pescaría aprobado de forma inicial en decembro do 2012, e non ao ficheiro relativo ao documento aprobado definitivamente en xaneiro de
2015. Villoslada defendeu que se tratába dunha cuestión técnica que non requiría exposición pública e “que non existe maior garantía que executar a sentenza”.

Ademais, o Goberno Local presentou o informe anual de suxestións e reclamacións de 2018 elaborado polo servizo de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, que recolle a xestión realizada na organización municipal. Ao longo de 2018, recibíronse
17.539 comunicacións, das cales 13.338 cumprían os requisitos.

En canto ás mocións, a voceiro de Ciudadanos Mónica Martínez, presentou unha proposta para a revisión e posta en marcha do plan director da Torre de Hércules que contou co apoio de todos os grupos. O Goberno, tal e como sinalou o concelleiro de Cultura, ten a intención de reactivar o plan e de levar a cabo as xestións necesarias para garantir as medidas esixidas pola Unesco. Para iso, poñerá en marcha a comisión de seguimento do plan e estudará a posibilidade de que o cárcere poida ser a sede do centro de interpretación.

Os nacionalistas pediron medidas efectivas para revitalizar o pequeno comercio. O goberno, que apoiou a moción, anunciou parte das actuacións que ten previsto poñer en marcha entre as que destaca a elaboración dun censo de locais baleiros para poder para destinalos a aluguer, a creación dun portelo único para simplificar os trámites dos comerciantes, así como a implantación de aplicacións móbiles para o comercio.

A moción de Marea centrada na demanda de maior autonomía para as entidades locais contou co apoio de socialistas e nacionalistas, mentres que Cidadáns abstívose e o PP votou en contra. O voceiro socialista asegurou que levan anos pedindo que os municipios que cumpren cos obxectivos de endebedamento e estabilidade orzamentaria poidan decidir libremente o destino do seu superávit sen as tutelas por parte do Estado. ”Rigor orzamentario, pero sen estrangular ás administracións locais que non poden utilizar recursos propios” e aconsellou os populares a que abandonen a súa postura e “deixen de ser gregarios do poder do PP en Galicia, teñan criterio propio e defendan os intereses da cidade”.

O cambio climático foi protagonista de dúas mocións. A primeira de Marea emendada polo grupo socialista reclamaba a adopción de medidas inmediatas para encarar a emerxencia climática. A concelleira de Medio Ambiente lembrou a necesidade de establecer medidas “pegadas á realidade da cidade” e aconsellou os populares de deixarse “de brindes ao sol”. Ademais, incidiu no compromiso do Goberno local de adoptar as conclusións do Cume do Clima que se celebra en Madrid.
Tanto PSOE como Marea Atlántica coinciden na necesidade de constituír un operador enerxético municipal que xestione a enerxía con criterios de interese público, de fomentar os medios de transporte alternativo ao coche, con novas liñas de autobuses e novas tarifas reducidas, avanzar no plan de infraestrutura verde, continuar coa estratexia de residuos cero e proseguir coa filosofía de pagar por xeración, mellorar o comportamento enerxético da cidade, descarbonizar a

economía, impulsar a alimentación de proximidade e avanzar na constitución da área metropolitana para compartir servizos e aforrar custos e recursos.

A moción do PP, con todo, non contou co apoio de BNG, Marea e Partido Socialista que criticaron “o oportunismo da moción do PP” e “a súa falta de credibilidade” para garantir a posta en marcha das medidas que propón.

O Pleno aprobou levar a cabo obras de reforma previstas nos centros educativos de Infantil e Primaria e aprobaron a proposta de Marea coa que se dará continuidade ao seu programa “O Noso patio”. O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, asegurou que o Concello no mantemento dos colexios sempre “inviste por encima das súas responsabilidades” e que a súa concellería estableceu “novas pontes de diálogo coa Consellería de Educación” que servirán, confía, para poñer en marcha as proxectos pendentes.

No ámbito da educación, a moción do PP sobre a liberdade das familias á hora de elixir o tipo de educación e o centro onde queren que estuden os seus fillos, tanto nos colexios concertados como públicos foi rexeitada polo PSOE, BNG e Marea que sinalaron que “o camiño para seguir é reducir e revisar os concertos cos colexios”.

Por outra banda, o voceiro socialista anunciou que o Goberno local elaborará no primeiro semestre de 2020 un plan estratéxico de subvencións respondendo ás necesidades de maior transparencia na repartición de recursos públicos “para mellorar a xestión das distintas políticas públicas que realiza o Concello”. O Plan, dixo, terá unha vixencia para o período 2020-2022 e regulará o funcionamento dos convenios e subvencións municipais. Neste sentido, Cidadanos presentou unha moción que contou co apoio de todos os grupos.